Atlantikoaren aurrean. Jose Luis Otamendi

Atlantikoarean aurrean. Jose Luis Otamendi

ANTE O ATLÁNTICO

eu digo
que a túa dor de moas
é máis importante ca
a oroxénese e a fotosíntese
eu digo
que non teño máis dereitos
ca os que lle corresponde pedir a calquera
eu digo
que se non fago
todo o que podo facer para defender o nome dos outros
esta vida será unha andaina inútil
unha vaga que erosiona a esperanza de algo mellor
nas ondas do fracaso universal
eu digo
que os cheiros as feridas os pensamentos
as testemuñas son fundamentais
para ter algo que compartir con alguén
algo que contar nas noites de sombra de ouleos demasiado próximos
eu digo
que o amor ten o valor principal
que andei medio século ás voltas estudando o que é iso
eu digo
que nesta desorde de sentimentos contrapostos
ante a dirección dos acontecementos e a intimidación xeral
facer ou crear correlixionarios
e non ceder é o máis primordial
non precipitarse baixo o silencio das constelacións
non perder un minuto
en escoitar as ameazas soberbias da morte
eu digo
que a soidade de non ser deus
é tan insoportable como fermosa
eu digo
que estou aquí por un toque dos teus labios
entre non sei cantos millóns de persoas
eu digo
que non somos cucos para cantar só o noso nome

Jose Luis Otamendi. Kapital publikoa. Susa. 2014

Tradución do éuscaro ao galego: María Alonso Seisdedos