Venres negro

IMG-20171124-WA0005

Hoxe fun á panadaría (non vou todos os días, pero hoxe tocaba: pan, café e leite é algo que nunca falta nesta casa; en fin, e bólas secas para os cans.) Era o único gasto previsto para este venres luminoso.
Viña de volta da escola de Goián (o CEIP Pintor Antonio Fernández), feliz do esforzo enorme que fixeron os alumnos de sexto e quinto, orgullosa de ter uns veciños pequenos tan GRANDES. Viña marabillada da representación contra as violencias dos de sexto, vestidos de negro e portando carteis negativos que foron substituíndo por outros positivos, e do manifesto escrito por eles tamén que leron ao final. Viña emocionada coa lectura do libro O lapis máxico de Malala, que interpretaron os de quinto para os máis pequenos, con ilustracións fabulosas a modo de títeres realizadas por eles.
Chovía, por fin, e eu volvía camiñando, cavilando, imaxinando o futuro mellor que traen estes rapaces e rapazas que me acababan de bombardear con preguntas de mil cores sobre o meu traballo, curiosos, interesados, e que compartiron comigo os seus soños e a súa ilusión por cambiar, na medida das súas posibilidades, unha chisca o mundo.
E entrei na panadaría. Saquei os meus dous euros para pagar as dúas barras artesás.
―É blafráidai ou iso ―díxome a panadeira―. Hoxe é 1,70 €!
E eu que non quería caer nun venres negro…