O poema do coronabicho

BCBF20_750x500_filastrocca_piumini Ilustración: Giovanna Scalfati

Xa voa pola Feira virtual de Boloña a miña versión ao galego, entre outras moitas a moi diversos idiomas do mundo, do poema infantil do escritor italiano Roberto Piumini sobre o coronavirus: «Che cos’è che in aria vola?» . Aquí.

Por que non se sae da casa?
Como non temos escola?
Que alguén me explique o que pasa,
que non me entra na cachola.

Hai un virus con coroa,
e non se trata dun rei,
tampouco dunha persoa.
Dime o que é, que eu non sei!

É moi pequeno e por iso,
ninguén o ve a simple vista;
un microscopio é preciso
para poder seguirlle a pista.

Éche un bicho moi pequeno
que anda de aquí para alá
dentro ten moito veleno,
facer mal tanto lle dá.

É invisible e fedello,
perigoso e moi potente;
diminuto cachafello,
quere meterse na xente.

Pero a xente somos nós,
ti e mais eu, a Terra enteira.
Nunca o pararemos sós.
A unión é a nosa barreira!

Se de esbirrrar tes ganas,
debes esbirrar no brazo,
para o voo dese badanas.
Imos deter este andazo!

Se saes, ao volver recorda:
lava e freta man con man.
Mesmo que non vexas lorda,
lávaas sempre con afán.

Lávaas con auga e xabón,
dálle que dálle no coiro,
dille forte a ese chambón:
Vaite polo sumidoiro!

Fíxate ben se a túa nai
e o teu pai o fan con xeito.
Explícalles como se fai
p’ra que as laven ao dereito.

Nos ollos, nariz e boca
non me fochiques cos dedos,
non andes toca que toca,
deixa estar os dedos quedos!

Cando te encontres con xente,
non te achegues demasiado,
que máis vale ser prudente
e manterse algo apartado.

Non deas bicos e abrazos,
polo menos de momento,
así non lle darás azos,
e morre o bicho noxento!

Porque a xente tape a cara
non penses que veu o Entroido.
A resposta está moi clara:
é para evitar un descoido.

Esa máscara protexe
filtrando a respiración.
Alí o bicho non se mexe:
é a súa acabación!

E mentres o mal non pasa
e segue a facer das súas,
queda cos teus na casa
e déixalle a el as rúas.

Boa idea, con certeza,
dado que a escola fechou.
E ata que desapareza,
eu para a rúa non vou!

Cos parentes e amizades
aos que botedes en falla
sen perigo algún falades
a través dunha pantalla.

E en vez de dar ás persoas
ás que queres un abrazo,
dálles outras cousas boas:
dálles palabras a mazo!

As palabras son galanos,
son sementes de agarimo;
un don dos seres humanos
co que dar amor e arrimo.

Ti e mais eu, e todo o mundo,
con coidado e atención,
venceremos ese inmundo,
ese ruín cruel abusón!

Oxalá cando venzamos
ese mal bicho daniño,
todos xuntos aprendamos
a vivir con sentidiño!

Autor: Roberto Piumini / Tradución: María Alonso Seisdedos

Podedes consultar aquí a versión orixinal.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s