Bambi saíu dun pincho. Sentiu unha felicidade tan prodixiosa que esqueceu o medo no acto. Na espesura o único que vira por riba del eran as copas das árbores e os poucos retallos azuis que albiscaba moi de cando en cando. Agora todo ao alto e ao largo vía o azul do ceo e sentía, sen saber por que, unha ledicia inmensa. No interior da fraga, do sol só coñecera algunha que outra raiola e os delicados abelorios de luz que bailaban entre as pólas. Agora, de pronto, alí no medio, aquela forza cálida e cegadora apoderábase de todo o seu ser e sumíao nun benestar que lle cerraba os ollos e lle abría o corazón.
Salten, Felix: Bambi. Editorial Galaxia, 2022.
Ilustracións: Begoña G. Arce / Tradución: María Alonso Seisdedos